A actividade da Cátedra Emalcsa-UDC no eido da investigación céntrase en tres aspectos prioritarios. O primeiro é protexer o recurso auga mediante unha análise continua da conca do río Mero e do encoro de Cecebre, enclaves fundamentais no abastecemento de auga a A Coruña e a súa área metropolitana. O segundo é mellorar este proceso de abastecemento a través de ferramentas que garantan a calidade do sistema de subministración de auga á poboación e fomenten a participación da sociedade no mesmo. O terceiro, por último, é aproveitar as novas tecnoloxías no eido das TIC, como a Intelixencia Artificial, e os datos que aportan para mellorar o sistema de abastecemento de auga.
Estes aspectos prioritarios na investigación da Cátedra Emalcsa-UDC concrétanse en tres liñas de investigación: o Plan AdO (Auga dende a Orixe), o Plan ECAD (Excelencia na Calidade da Auga Distribuída) e o Aqualab (Mellora Dixital do Sistema Urbano de Auga).
Comprende os traballos e iniciativas de investigación centrados na análise da conca do río Mero e na protección do recurso auga que logo se distribúe á Coruña e a súa área metropolitana. Está coordinado por Jordi Delgado, catedrático da Universidade da Coruña no departamento de Enxeñería Civil e membro do Grupo de Investigación Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente (Geama).
Os principais obxectivos do Plan AdO son:
- Potenciar os sistemas de vixilancia da conca do río Mero con datos de alta frecuencia.
- Controlar a calidade da auga en diferentes épocas do ano e os contaminantes emerxentes.
- Estabelecer un modelo de predicción da calidade da auga baseado en ferramentas de teledetección.
- Definir unha estratexia de xestión de incidencias.
Trátase dun plan que pretende dar resposta ás demandas, problemas e oportunidades recollidas por Emalcsa no que respecta ao subministro de auga á poboación. Persegue, polo tanto, afondar na análise do sistema de distribución da auga para mellorar a percepción que ten a cidadanía da calidade desta e do servizo de abastecemento. Está coordinado polo director da Cátedra Emalcsa-UDC, Moisés Canle, catedrático de Química da Universidade da Coruña e membro do Grupo de Investigación Reactividade Química e Fotorreactividade (REACT!).
Os principais obxectivos do Plan ECAD son:
- Fomentar o consumo de auga da billa e reducir a pegada de carbono con iniciativas que axuden a reducir o uso de botellas de plástico.
- Mellorar a xestión de infraestruturas e obras mediante estratexias vinculadas á infraestrutura verde e á coordinación dos servizos municipais.
- Mellorar a medición da auga consumida para implicar á cidadanía no consumo responsable da auga.
- Incorporar novas tendencias no uso da auga relacionadas coa reutilización: augas grises, pluviais… atendendo ás diferentes calidades para os distintos usos.
O seu obxectivo é o desenvolvemento, en colaboración con empresas, de solucións para mellorar o Sistema Urbano de Auga centradas na dixitalización, a incorporación de tecnoloxías vinculadas ao Internet das Cousas, ao machine learning e á intelixencia artificial. José Luis Calvo Rolle, catedrático de Enxeñería Industrial da Universidade da Coruña e membro do Grupo de Investigación Ciencia e Técnica Cibernética, é o coordinador desta liña de investigación.
Os principais obxectivos do Aqualab son:
- Garantir a seguridade das infraestruturas e sistemas relacionados co abastecemento de auga e mellorar a integración destes.
- Crear contidos dixitais de calidade relacionados co sistema de auga urbano.
- Implantar ferramentas de dixitalización avanzadas que aporten datos que melloren e amplíen a vixiancia sobre o sistema de auga urbano.
- Avanzar na dixitalización para desenvolver e implantar unha plataforma integrada de investigación para sistemas urbanos de auga.