José Antonio Santiso Miramontes, presidente da Reserva de la Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; Moisés Canle, director da Cátedra Emalcsa-UDC; e Ángel Fernández, director da Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sostible, asinaron o 30 de decembro, no salón de plenos do Concello de Abegondo, un acordo para estender os traballos para controlar a poboación de cangrexo americano no encoro de Cecebre que están a realizar investigadores da Universidade da Coruña.
Deste xeito, estes traballos que comezaron en 2022 prolongaránse durante o 2023. O seu obxectivo é cuantificar a colonia desta especie invasora e analizar as medidas máis axeitadas para reducila e tela controlada. Ademais, no marco deste proxecto tamén se avaliará o paso de determinadas substancias á cadea alimentaria provocada pola inxesta de cangrexos por outras especies que habitan o encoro de Cecebre, como as lontras.
O cangrexo americano é dende hai algún tempo unha das especies invasoras que máis problemas causa no encoro de Cecebre. As galerías subterráneas que constrúe erosionan o terreo e provocan desprendementos de terra no encoro que reducen a vexetación de ribeira, fundamental para protexer a calidade da auga. Por si esto fora pouco, esta especie é nociva para a biodiversidade da zona. De feito, a presenza de anfibios e cabaliños do demo reduciuse considerablemente nos últimos tempos debido a que o cangrexo se alimenta dos seus ovos.
As lontras que habitan o encoro comen cangrexo americano, pero esto non foi dabondo para reducir a presenza desta especie invasora en Cecebre, de aí a importancia deste proxecto que están a desenvolver investigadores da universidade herculina e que conta cun orzamento de 35.000 euros, a meirande parte dos cales procede de Fondos Feder asignados aos Grupos de Desenvolvemento Rural, neste caso, ao de Mariñas-Betanzos.