O pasado mes de decembro de 2022 remataba o Life Fluvial, un proxecto que comezou en 2017 para mellorar o estado de conservación dos corredores fluviais atlánticos de España e Portugal pertencentes á Rede Natura 2000. Na iniciativa participaron oito socios: o Instituto de Recursos Naturais e Ordenación do Territorio da Universidade de Oviedo (Indurot), o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural dea Universidade de Santiago de Compostela (Ibader), a Empresa de Transformación Agraria Tragsa, o Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa, o Concello de Ribadeo, a Asociación para o desenvolvemento do territorio interrexional que se ubica na contorna do Río Eo (InterEo), a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, que xestiona a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo, na que se ubica o encoro de Cecebre; e Emalcsa, empresa que xestiona este encoro considerado Zona de Especial Conservación, dunha extraordinaria riqueza ecolóxica e enclave fundamental para o abastecemento de auga a A Coruña e a súa área metropolitana.
Cecebre, precisamente, foi unha das 9 zonas de actuación deste proxecto que contou cun orzamento de 3.023.233 euros, dos que Emalcsa xestionou 120.928 (o 60% deste cantidade aportouna o proxecto Life e o 40% restante a propia Emalcsa). A inversión realizada para desenvolver os traballos de mellora e conservación da contorna do encoro foi de 219.762 euros.
As tarefas desenvolvidas en Cecebre encadráronse na denominada Acción C5 do proxecto (Xestión sostible dos bosques higrófilos – ZEC Encoro de Abegondo-Cecebre ES1110004) e deron como resultado a mellora do estado de conservación de case 9 hectáreas de bosque higróflo da contorna do encoro. Emalcsa aportou o persoal e os medios precisos para desenvolver os traballos; o Ibader e máis a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo prestaron asesoría cientítico-técnica para que estes se desenvolvesen de acordo aos condicionantes ambientais e socioeconómicos do territorio; e Tragsa, finalmente, ocupouse de executar os mesmos.
Accións desenvolvidas en Cecebre no marco do Life Fluvial
As accións desenvolvidas foron as seguintes:
- Eliminación e control de especies invasoras. Elimináronse as especies exóticas invasoras que representaban unha ameaza para a conservación do hábitat. Para facelo seguiuse o principio de cautela ambiental. Por este motivo non se empregaron métodos químicos e a eliminación de especies fíxose a pequena escala e de xeito manual. Só se utilizaron medios mecánicos naqueles casos nos que, polo elevado peso das especies a retirar, foi estritamente preciso. Entre as especies obxecto de actuación atópanse dende herbáceas como o plumeiro da pampa (Cortaderia selloana), o cartucho (Zantedeschia aethiopica) ou a crocosmia (Crocosmia x crocosmiflora); especies arbustivas como a hortensia (Hydrangea spp) ou a sempreviva (Helichrysum petiolare); arbóreas como a tamargueira (Tamarix spp.), a mimosa (Acacia dealbata, Acacia melanoxylon, Robinia pesudoacacia), o eucalipto (Eucalyptus spp.), o olmo híbrido americano (Populus x canadensis), o piñeiro de Monterrey (Pinus radiata), o piñeiro bravo (Pinus pinaster), o freixo branco (Fraxinus americana), o vimbeiro (Salix viminalis), ou a herbada bolboreta (Buddleja davidii); enredadeiras como a viña (Vitis vinifera); canas como a cana común (Arundo donax) ou o bambú (Bambusa spp); e plantas acuáticas como a lentella de auga (Lemna minuta). Todas estas especies expandíranse sobre os hábitats naturais e, nalgunhas áreas, provocaron a redución oo desplazamento das especies autóctonas.
- Restauración do bosque de ribeira. Tras a eliminación de especies exóticas invasoras procedeuse a restaurar o bosque de ribeira con plantas autóctonas e características do hábitat a recuperar. Para iso seguiuse o Manual de Hábitats de Galicia. A repoboación fíxose con especies como o salgueiro (Salix atrocinerea), o freixo (Fraxinus excelsior), o pradairo (Acer pseudoplatanus), o carballo (Quercus robur) ou o bidueiro (Betula celtiberica), todas elas obtidas a partir de material xenético de orixe local e compatible para evitar a contaminación xenética. As áreas de plantación elixidas foron aquelas nas que se eliminaron especies invasoras así como áreas de discontinuidade que foran identificadas con anterioridade ao proxecto. Deste xeito tamén se restituiu a función de conectividade natural nas ribeiras do encoro.
- Catalogación flora e fauna do encoro. No marco deste proxecto, e mediante un convenio de colaboración de Emalcsa co Grupo Naturalista Hábitat, levouse a cabo unha actualización do coñecemento de especies animais e vexetais que habitan no encoro para coñecer o seu estado ecolóxico. Este convenio, ademais, serviu para recopilar os traballos e actividades que este grupo naturalista desenvolveu no encoro dende o ano 1979 (tres anos despois da súa construcción), o que supón prácticamente unha historia non escrita da evolución deste espazo natural en termos de natureza.
- Eliminación de focos de lixo. Na contorna do encoro detectouse a presenza de refugallos de diversa índole (arameadas, cables, electrodomésticos, materia orgánica, etc.) que afectaban ao estado de conservación dos ecosistemas naturais e seminaturais da zona. Todos eles retiráronse de xeito manual e enviáronse a un xestor de residuos autorizado.
- Retirada dun antigo valado. En varios puntos da contorna do encoro mantíñase un antigo valado en mal estado (rachado nalgúns puntos e oxidado noutros) que xa non cumplía a súa función e que dificultaba a permeabilidade para as especies silvestres. Procedeuse á súa retirada.
- Instalación de paneis informativos. No marco deste proxecto tamén se instalaron paneis de madeira que ofrecen aos visitantes información acerca da riqueza ecolóxica do encoro: especie de flora e fauna, etc.
O Life Fluvial rematou en decembro de 2022 pero as melloras acadadas no bosque de ribeira do encoro no marco deste proxecto terán continuidade nos vindeiros anos. Será xa con fondos propios de Emalcsa ou cos que poida conseguir en novas convocatorias de achegas, pero sempre co obxectivo de protexer o bosque autóctona de ribeira, un dos principais factores de conservación da calidade da auga que consumimos na Coruña e a súa área metropolitana.