Raquel Castro Couto, na categoría de maiores de 18 anos, e a aula de 3º B do CEIP Eusebio da Guarda da Coruña, na de menores desa idade, son os gañadores da segunda edición do concurso de vídeos promovido por Emalcsa, ‘A auga nun minuto’.
Este 2022 o certame tiña como temática ‘Auga subterránea: facer visible o invisible’, o lema que escolleu Nacións Unidas para o Día Mundial da Auga que se celebrou o 22 de marzo.
Analizados todos os vídeos, o xurado, formado polo director da Cátedra Emalcsa-UDC, Moisés Canle; o director de I+D+i de Emalcsa, Ricardo Vázquez; e o xerente da Reserva da Biosfera ‘Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo’, Jorge Blanco (delegou a súa representación en Carlos Ameixenda, técnico de Medio Ambiente da Reserva), decidiu outorgar o primeiro premio (500 euros e diploma) na categoría de maiores de 18 anos a Raquel Castro Couso. O xurado decantouse por este vídeo pola súa “capacidade de síntese e exposición de contidos cunha formulación amena e actual”.
Na categoría de menores de 18 anos, pola súa banda, resultou vencedor da segunda edición deste certame a aula de 3º B do Colexio de Ensinanza Infantil e Primaria Eusebio da Guarda da Coruña. O xurado, neste caso, valorou a “importante participación e preparación das mensaxes, cunha reflexión literaria moi axeitada”. Os rapaces que participaron na elaboración deste vídeo recibirán un diploma e un agasallo e o centro ao que pertencen 500 euros.
O segundo premio na categoría de maiores de 18 anos (diploma e 250 euros) foi para Cristina Varela e Bruno Ramos por un vídeo no que poñen en valor o recurso a través dun exemplo próximo. E o terceiro (diploma e 100 euros) para Antonio Iglesias pola capacidade de síntese e exposición de contidos e a formulación amena e actual que amosa no seu vídeo.
Pola súa banda, na categoría de menores de 18 anos, o segundo premio foi para a aula de 5º de Educación Infantil do CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo polo seu vídeo ‘Pin e Guiña forman parte das augas’. No seu traballo, grazas ao cal os membros do grupo gañador levaran diplomas e agasallos e o centro educativo ao que pertencen 250 euros, o xurado valorou a posta en escena “atractiva e actual” do vídeo e a “imaxinación para trasladar mensaxes importantes sobre a auga”. Terceiro nesta categoría foi a aula de 5º de Educación Infantil do CEIP Rabadeira de Oleiros pola capacidade de trasladar mensaxes directas no seu vídeo cunha linguaxe directa a comprensible. Os rapaces do CEIP Rabadeira teñen como premio polo seu traballo diplomas e agasallos e o centro no que estudan, 100 euros.
A entrega de premios terá lugar no vindeiro mes de marzo nos distintos centros galardoados e en diferentes días que se anunciarán en breve.