O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa do Consello da Xunta, no que tamén compareceu a conselleira de Infraestruturas, Éthel Vázquez. San Caetano, Santiago de Compostela, 04/07/19.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou onte a Lei de Garantía do Abastecemento para garantir a subministración en cantidade e calidade axeitadas á poboación, reducir a vulnerabilidade dos sistemas e protexer a saúde pública fronte a situacións adversas como a seca.
O Proxecto de lei aprobado hoxe busca blindar o abastecemento de auga á poboación, tanto nos períodos de seca, como nos episodios puntuais nos que o consumo de auga pode entrañar un risco para a poboación. O presidente da Xunta incidiu en que esta norma nace da constatación de que Galicia necesita adaptar a xestión da auga ao novo contexto climático.
Entre as medidas que contén a lei para acadar os obxectivos fixados destaca, en primeiro lugar, o reforzo da aposta pola planificación e a anticipación das respostas. E, desde ese convencemento, o novo texto recolle a obriga de Augas de Galicia de dispor dun Plan xeral de seca para a demarcación hidrográfica Galicia-Costa, indo máis alá do establecido na lexislación estatal: obrigando a que cada ano se realice un informe de avaliación sobre a aplicación e o funcionamento dese plan e que ademais cada seis anos se realice unha actualización total do documento.
En segundo lugar, afondarase no deber de que todos os concellos ou entidades titulares de sistemas de abastecemento con máis de 20.000 habitantes se doten dun Plan de emerxencia fronte á seca.
En terceiro lugar, a norma clarifica tamén as responsabilidades de cada administración e os protocolos de actuación ante os diferentes escenarios de alerta por seca ou risco sanitario. Así, en función da situación concreta que determinen os indicadores, os concellos deberán ditar disposicións dirixidas ao aforro e restrinxir o uso de auga potable para fins secundarios.
Finalmente, o texto proporciona as ferramentas xurídicas necesarias para actuar con axilidade ante situacións que comprometan o abastecemento de auga. Desa forma, as medidas que sexa necesario adoptar en situación de seca ou risco sanitario levarán implícita declaración de utilidade pública e necesidade de urxente ocupación dos terreos e prevalecerán sobre outras normativas.
Máis información: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/41281/galicia-contara-cunha-lei-garantia-abastecemento-para-garantir-subministracion?langId=gl_ES