A cidadanía volveu gozar este sábado 7 de maio dun Día da Ciencia na Rúa. E de que xeito. Quizáis foi porque a edición do ano pasado tivo que celebrarse no Teatro Colón sen apenas público, pero o certo é que se notou que a xente tiña gañas de volver desfrutar desta festa de divulgación científica en cuxa organización participa a Cátedra Emalcsa-UDC xunto aos Museos Científicos Coruñeses e os Amigos da Casa das Ciencias.
O Parque de Santa Margarida estivo abarrotado durante toda a xornada. Tamén a jaima da Cátedra Emalcsa-UDC, que tivo un éxito de visitantes, entre eles a alcaldesa da Coruña e presidenta de Emalcsa, Inés Rey García. Todos eles puideron presenciar diferentes experimentos, moitos dos cales estiveron centrados en explicar a eutrofización, un fenómeno que consiste no excesivo plancto vexetal nos ríos, lagos e encoros a causa dunha alta concentración de nutrientes. Como consecuencia esgótanse os recursos en sales nutrientes, a materia vexetal morre e descomponse, deixando a masa de auga en mal estado. Para prever potenciais episodios de eutrofización no encoro de Cecebre, Emalcsa utiliza un dron acuático chamado ‘Ecomapper’, cedido pola Universidade da Coruña a través do Grupo de Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA). Os visitantes puideron velo na jaima da Cátedra Emalcsa-UDC. De feito foi un dos centros de atracción do XXVI Día da Ciencia na Rúa.
Tamén se desenvolveron outros experimentos. Foi o caso do ‘Corre pementa!’, que demostra o fenómeno da tensión superficial dos líquidos. Percíbese cando se dispersa pementa nun recipiente con auga e logo se coloca unha pinga de xabrón, o que provoca que as moléculas deste último despracen a pementa cara os extremos aos que o xabrón aínda non chegou. Outro dos experimentos foi ‘A auga que non cae’. Este demostra que a diferencia de presións pode chegar a anular a gravidade.
Pero iso non foi todo o que a Cátedra ofreceu aos visitantes da súa jaima. Estes tamén puideron gozar dunha visita virtual ás instalacións máis importantes do sistema de abastecemento de auga da Coruña. Só era preciso enfocar un código QR co móbil. Aqueles que non estiveron no Día da Ciencia na Rúa poden facer este percorrido entrando na Cátedra EMALCSA Virtual.
Emalcsa tamén estivo presente nesta feira de divulgación científica. Agasallou aos participantes con botellas reutilizables e instalou varias fontes para converter o Parque de Santa Margarida nun lugar libre de plásticos.
O XXVI Día da Ciencia na Rúa contou coa presenza de 35 centros educativos da Coruña, Betanzos, Culleredo, Ribadeo, Cambre, Carral, Coristanco, Ortigueira, Pastoriza e Miño. Todos eles amosaron ao público as actividades e experiencias que prepararon nos últimos meses. Tamén participaron diferentes entidades e institucións vencelladas á actividade científica. Por parte da Universidade da Coruña estiveron no Parque de Santa Margarida a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñeiros de Camiños Canais e Portos, o Centro de Investigacións Avanzadas (CICA) ou o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC).
Tamén acudiron o Centro Oceanográfico da Coruña e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, a Asociación Galega de Xadrecistas ou Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. Ademais, durante a xornada tivo lugar un desfile de cabezudos de famosos científicos, un concerto do Conservatorio de Música da Coruña e diferentes xogos e obradoiros.
Rematado o Día da Ciencia na Rúa a Cátedra Emalcsa-UDC xa prepara a súa participación en dúas feiras científicas máis: a Cullerciencia, que se estrea este 2022, e a xa tradicional Open Sciencie Cambre.