O pasado 1 de febreiro inaugurouse na sala de exposicións virtual de Emalcsa a mostra do IX Certame de Debuxo da Natureza ‘Vida Silvestre do encoro de Cecebre’ que organiza o Grupo Naturalista Hábitat da man de Emalcsa. Así, os visitantes xa poden gozar das 351 ilustracións que se presentaron a este concurso que, nesta edición, levaba por lema ‘A vida a rentes do chan’ e que gañou, na categoría de maiores de 14 anos, Laura Vilas cun debuxo da especie Mustela nivalis titulado ‘Juegos de Otoño’. Debido á situación sanitaria, e ante a posibilidade de organizar a mostra na Casa da Auga como en edicións anteriores, os organizadores do concurso optaron por esta exposición virtual para achegar á cidadanía as ilustracións participantes.
Na exposición virtual, ademais das obras da última edición, tamén poderedes ver as das edicións anteriores, é dicir, máis de 2000 ilustracións.
Tamén se pode acceder á mostra a través da nova web (catedra.emalcsavirtual.es) que a Cátedra Emalcsa-UDC vén de inaugurar para poñer a disposición da cidadanía recursos e información relevante sobre o sistema de auga urbano da Coruña e a súa área metropolitana. Neste portal, ademais de gozar da exposición do certame ‘Vida Silvestre do encoro de Cecebre’, o visitante tamén poderá facer un percorrido virtual por instalacións relevantes do sistema de abastecemento como a presa de Cecebre, saber máis sobre o sistema de auga urbano da Coruña, botar unha partida ao Xogo da Gota, coñecer os diferentes proxectos de innovación de Emalcsa ou facer un percorrido pola historia da auga na Coruña a través de imaxes históricas.