Emalcsa, a través da súa presidenta e alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a Universidade da Coruña, a través do seu reitor, Julio Abalde, asinaron este luns 13 de decembro un novo convenio para potenciar, durante os vindeiros tres anos, o desenvolvemento da Cátedra Emalcsa-UDC. Deste xeito ábrese unha nova etapa que aportará máis recursos á cátedra para dar pulo a liñas de investigación que axuden a avanzar no coñecemento da xestión sostible da agua e a mellorar o sistema de auga urbano da Coruña e a súa área metropolitana, obxectivo principal desta cátedra nada en 2017.
A partires da sinatura deste novo convenio Emalcsa contribuirá con 170.000 euros anuais ao desenvolvemento da Cátedra Emalcsa-UDC. A meirande parte desta cifra, 150.000 euros (aportaba 50.000 no convenio anterior), destinarase a crear un fondo que permitirá á cátedra xestionar directamente diferentes proxectos de innovación. Os 20.000 euros restantes servirán para sufragar os traballos de promoción e difusión das actividades que se desenvolvan, así como para mellorar a relación entre os distintos grupos de investigación implicados e o personal técnico de Emalcsa.
“O Goberno municipal que presido ten un compromiso coa investigación e o desenvolvemento e o ten tamén coa nosa universidade, por iso desde Emalcsa estamos a impulsar proxectos innovadores, contribuíndo tamén a mellorar as oportunidades dos nosos investigadores e a ofrecer un mellor servizo de abastecemento aos cidadáns”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey.
A Cátedra Emalcsa-UDC estará dirixida polo catedrático de Química da Universidade da Coruña, Moisés Canle, que será o responsable final de todas as accións que se desenvolvan. Ademais, haberá un comité de seguimento que terá a misión de controlar as actividades e que estará composto polo director xeral de Emalcsa, Jaime Castiñeira, o vicerreitor de Investigación e transferencia da UDC (departamento do que depende a Cátedra Emalcsa-UDC), Salvador Naya, así como polo director da área de I+D+ i de Emalcsa, Ricardo Vázquez, e o mencionado director da cátedra, Moisés Canle.
A Cátedra seguirá a contar cun comité científico-técnico de carácter multidisciplinar que estará composto por nove destacados membros da comunidade científica e catro técnicos de alto nivel de Emalcsa. A súa función será a de asesorar á dirección.
Este novo convenio reforza a alianza entre Emalcsa e a Universidade da Coruña, entidades que levan colaborando máis de 25 anos en diferentes actuacións e que formalizaron esta cooperación en 2017 coa posta en marcha da Cátedra Emalcsa-UDC. Durante este tempo desenvolvéronse máis de 30 convenios e contratos que mobilizaron inversións por un valor total de 35 millóns de euros e que repercutiron positivamente en ámbalas dúas institucións, pero tamén no tecido empresarial e social da Coruña.
Membros do comité de seguimento da Cátedra Emalcsa-Udc. De esquerda a dereita: Ricardo Vázquez (director área I+D+i de Emalcsa), Moisés Canle (director da Cátedra Emalcsa-UDC), Jaime Castiñeira (director xeral de Emalcsa) e Salvador Naya (vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC).