Emalcsa convocou este mércores 2 de febreiro a segunda edición do concurso de vídeos ‘A auga nun minuto’, un certame que lanzou en 2021 con motivo do Día Mundial da Auga que se celebra cada 22 de marzo e cuxa primeira edición tivo unha grande acollida.
Os vídeos, ademais de ter un máximo dun minuto de duración, deberán estar relacionados, desde calquera perspectiva (medioambiental, hixiénico-sanitaria, educativa, de ocio…), coa auga subterránea, temática elixida este 2022 pola Onu para o Día Mundial da Auga, que se celebrará baixo o lema ‘A auga subterránea: facer visible o invisible’.
Os participantes, pola súa banda, deben pertencer ao ámbito de actuación de Emalcsa, é dicir, os concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Sada, Bergondo e Carral.
A principal novidade da edición deste ano é que o premio estará dividido en dúas categorías para facelo máis atractivo. A primeira está dirixida a menores de 18 anos e está pensada para centros escolares, asociacións ou outro tipo de entidades. Aquí haberá tres gañadores que levarán 500, 250 e 100 euros (para o centro ou entidade responsable), así como un diploma e agasallos para os membros do grupo gañador. A segunda categoría é para maiores de 18 anos e pretende incorporar propostas máis profesionais. Nesta haberá a posibilidade de participar de xeito individual ou grupal e os premios só serán en metálico (500, 250 e 100 euros).
O prazo para enviar vídeos remata o vindeiro 14 de marzo para que o día 22, Día Mundial da Auga, podan anunciarse os gañadores.
Velaquí tedes as bases do certame.