A Cátedra EMALCSA-UDC súmase este 5 de Xuño á celebración do Día Mundial do Medio Ambiente para reiterar o seu firme compromiso co coidado e mellora dos nosos recursos e espazos naturais, entre eles o sistema de explotación Mero- Barcés, pola súa biodiversidade e por ser eixo principal do abastecemento de auga da Coruña e a súa contorna.
É por iso que a Cátedra traballa en iniciativas e investigacións cuxo obxectivo é a mellora da xestión dos sistemas de auga urbana, a través da aplicación da estratexia DUSA (Desenvolvemento Urbano Sensible á Auga).
Desde a Cátedra dáse apoio a iniciativas de EMALCSA enmarcadas no encoro de Cecebre, como o proxecto Life Fluvial ou o Plan GLEON, fundamentais para protexer as masas de auga da contaminación e do cambio climático.
Nestes proxectos, son tarefas crave as destinadas á educación e concienciación ambiental para poñer en valor tales contornas, xa que son fundamentais para facer comprender a importancia das relacións existentes entre os sistemas naturais e sociais. Nesta liña, a Cátedra impulsa a adquisición da conciencia, dos valores e dos comportamentos que favorezan a participación cidadá como medio para protexer de forma máis eficiente a contorna.