Este mes de setembro bota a andar o Ciclo Superior en Xestión de Sistemas de Auga Urbana, un ciclo de FP Dual pioneiro en Galicia froito do acordo de colaboración entre a Universidade Laboral e Emalcsa. Con 12 alumnos matriculados, terá unha duración de dous anos (dous cursos) que se desenvolverán, de setembro a marzo na universidade cullerdense, e entre abril e agosto, en Emalcsa, á que os alumnos se incorporarán como bolseiros con contrato remunerado. Emalcsa, ademais, colaborará cós profesores da Universidade Laboral na definición dos contidos das materias que se impartirán e incluso na preparación das clases.
Coa súa implicación neste ciclo de FP Dual, unha modalidade de formación profesional que conxuga a formación nun centro educativo coa actividade laboral nunha empresa, Emalcsa propónse seguir avanzando na mellora profesional do persoal que traballará no sector da auga, aportar á sociedade a súa experiencia e amosarlle a esta a importancia que ten a xestión urbana da auga.
Jaime Castiñeira, director xeral de Emalcsa, Miguel Pena, director da Universidade Laboral, e o concelleiro de Educación do Concello da Coruña, Jesús Celemín (en representación da presidenta de Emalcsa e alcaldesa herculina, Inés Rey) presentaron este martes 14 de setembro na universidade cullerdense este innovador ciclo. No acto tamén estiveron presentes a profesora da Laboral, Isabel Pena, que traballou no plan formativo do ciclo, así como Moisés Canle, director da Cátedra Emalcsa-UDC, que colaborou coa Universidade Laboral na elaboración da proposta.
Miguel Pena subliñou que este ciclo abre un novo abanico laboral nun sector moi demandado e que, pola súa condición de formación dual, facilitará a aprendizaxe dos rapaces e rapazas, que se mergullarán desde o primeiro momento no mundo laboral. Pena destacou tamén que se trata dunha formación única en Galicia e con escasa oferta no resto de España.
“Apostamos por este tipo de iniciativas innovadoras que poñen á cidade e á comarca á vangarda, neste caso de Galicia e incluso de España”, sinalou, pola súa banda, o concelleiro de Educación do concello coruñés, Jesús Celemín, que celebrou a coordinación entre a Universidade Laboral e Emalcsa. Celemín eloxiou tamén a calidade da auga da Coruña que, apuntou, non só se debe á súa contorna natural, o encoro de Cecebre, senón tamén á grande xestión da auga urbana que realiza a súa empresa municipal, sempre pendente de devolver á cidadanía o que lle da con proxectos de innovación, medioambientais e de formación coma este.
Con este ciclo de FP Dual increméntase a colaboración entre Emalcsa e a Universidade Laboral, unha colaboración que xa alumeou outros proxectos coma o ‘SMARTspringwater-Fonte de Auga’. Esta innovadora iniciativa, presentada o pasado mes de maio, deu lugar á creación dunha fonte que utiliza a tecnoloxía para evitar o desperdicio de auga e que servirá para fomentar o consumo desta en fontes públicas con envases reutilizables non plásticos.
De esquerda a dereita: Ricardo Vázquez (director de I+D+i de Emalcsa), Moisés Canle (director da Cátedra Emalcsa-UDC), Jesús Celemín (concelleiro de Educación do Concello da Coruña), Jaime Castiñeira (director xeral de Emalcsa), Miguel Pena (director da Universidade Laboral), Isabel Pena (profesora da Universidade Laboral) e Ricardo Bahamonde (vicedirector da Universidade Laboral)