Álvaro Michelena Grandío e Francisco Javier Ayala Esmorís son os gañadores da segunda edición dos Premios Cátedra Emalcsa-UDC. Así o determinou, por unanimidade, o xurado destes galardóns tras a reunión que mantivo o venres 1 de abril de 2022.
Álvaro Michelena resultou gañador na categoría Traballos Fin de Máster co seu traballo ‘Aprendizaxe intelixente federado aplicado a sistemas automáticos para instalacións de control de fluido’. Para concederlle o premio o xurado destacou a “excelente análise que realiza dunha solución con capacidade para simplificar as tarefas de identificación e control de niveis líquidos, permitindo detectar anomalías en tempo real: fallos en sensores, fugas, etc.”.
Pola súa banda, Francisco Javier Ayala Esmorís levou o premio na categoría Traballos Fin de Grao polo seu traballo ‘Citotoxicidade dos produtos de degradación de microcontaminantes emerxentes sobre a microalga doceacuícola Raphidocelis subcapitata‘. Desta volta o xurado valorou un “rigoroso e pormenorizado estudo dos efectos tóxicos sobre o fitoplancton dos contaminantes emerxentes e dos seus produtos de degradación”.
Ademáis, o xurado fai constar na acta dos premios unha mención especial, “pola súa creatividade e potencial divulgativo”, ao Traballo Fin de Grao ‘Efecto caracola’, obra de Paula Calviño Suárez, María Jácome Iglesias e Alba Otero Dacal.
O tribunal da segunda edición destes premios estivo composto polos membros do comité científico técnico da Cátedra Emalcsa-UDC, Moisés Canle (presidente), Ricardo Vázquez (secretario), Anne Marie Elisabeth Gosset (vogal) e Juan Creus (vogal). Na acta dos galardóns subliña a gran calidade dos traballos presentados, que reflicten a “interdisciplinariedade do traballo no eido dos sistemas de auga urbana e poñen de manifesto a enorme amplitude que presenta o campo desde o punto de vista da investigación e o desenvolvemento”. Tamén destaca “a rigorosidade da labor desenvolvida polos diversos autores baixo a supervisión dos seus titores, aportando tanto traballos cunha grande calidade técnica e metodolóxica, como orixinalidade na aproximación aos problemas”. Igualmente sinala “a importancia deste tipo de traballos académicos para achegar o entorno académico á sociedade, máis en concreto o coñecemento e importancia dos diferentes eidos relacionados coa xestión da auga no contexto da área metropolitana, e para a vida das persoas en xeral”. Finalmente traslada as súas felicitacións a todos os participantes, especialmente aos premiados, e aos seus titores/as académicos, e os animan a continuar a traballar, desde os postos que ocupan e coas capacidades que teñan, por mellorar o entorno da auga.
Os premios entregaránse nun acto cuxa data ainda está por concretar.