Álvaro Michelena e Francisco Javier Ayala recibiron este luns 30 de maio no Reitorado da Universidade da Coruña os seus galardóns (1.000 euros máis diploma acreditativo) como gañadores da segunda edición dos Premios Cátedra Emalcsa-UDC. O primeiro foi seleccionado na categoría Traballos Fin de Máster polo seu traballo ‘Aprendizaxe intelixente federado aplicado a sistemas automáticos para instalacións de control de fluído‘. Trátase, segundo o xurado, dunha «excelente análise dunha solución con capacidade para simplificar tarefas de identificación e control de niveis líquidos, permitindo detectar anomalías en tempo real: erros en sensores, fugas, etc.». Francisco Javier Ayala, pola súa banda, levou o premio na categoría Traballos Fin de Grao polo seu traballo ‘Citotoxicidade dos produtos de degradación de microcontaminantes emerxentes sobre a microalga doceacuícola Raphidocelis subcapitata’. Neste caso, o xurado valorou un «riguroso e pormenorizado estudo dos efectos tóxicos sobre o fitoplancton dos contaminantes emerxentes e dos seus produtos de degradación».
O xurado, formado polos membros do comité científico-técnico da Cátedra Emalcsa-UDC, Moisés Canle (presidente), Ricardo Vázquez (secretario), Anne Marie Elisabeth Gosset (vogal) e Juan Creus (vogal), tamén reflectiu na acta unha mención especial «pola súa creatividade e o seu potencial divulgativo» ao Traballo Fin de Grao ‘Efecto caracola‘ desenvolvido por Paula Calviño Suárez, María Jácome Iglesias e Alba Otero Facal, que non puideron acudir a recoller o seu diploma acreditativo.
A alcaldesa da Coruña e presidenta de Emalcsa, Inés Rey; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; e o director xeral de Emalcsa, Jaime Castiñeira, presidiron o acto e entregaron os premios ao gañadores logo de que o director da Cátedra Emalcsa-UDC, Moisés Canle, procedese á lectura da acta da reunión do xurado. Inés Rey entregou o diploma ao vencedor na categoría Traballo Fin de Grao, Francisco Javier Ayala, ainda que por problemas de saúde foi a nai do gañador, Eugenia Esmorís Rocca, a que o recolleu; e o reitor, Julio Abalde, entregou a Álvaro Michelena o diploma que o acredita como gañador na categoría Traballo Fin de Máster.
Antes da entrega dos premios, Ricardo Vázquez, director de I+D+i de Emalcsa, expuxo a filosofía da Cátedra Emalcsa-UDC baseada no marco metodolóxico DUSA (Desenvolvemento Urbano Sensible á Auga), que fai fincapé en tres aspectos clave: a colaboración, a sostibilidade como eixo de desenvolvemento e a integración dos procesos da auga no contexto do medio natural e os usos urbanos da auga. Vázquez tamén subliñou a importancia do comité científico-técnico da Cátedra, órgano colexiado que integra a meirande parte das disciplinas de coñecemento que se imparten na Universidade da Coruña, así como os principais técnicos de Emalcsa. Finalmente, explicou que a Cátedra centra a súa investigación en tres eixos principais: o medio natural e o recurso, a calidade e a percepción da cidadanía do servizo e a dixitalización dos procesos.
Os traballos presentados nesta segunda edición dos Premios Cátedra Emalcsa-UDC destacaron, segundo o xurado, pola súa calidade, e puxeron de manifesto a «interdisciplinariedade do traballo no eido dos sistemas de auga urbana», así como «a enorme amplitude que presenta o campo desde o punto de vista da investigación e o desenvolvemento». O xurado tamén fixo constar en acta «a rigorosidade da labor desenvolvida polos diversos autores baixo a supervisión dos seus titores, aportando tanto traballos cunha grande calidade técnica e metodolóxica, como orixinalidade na aproximación aos problemas». Asimesmo sinalou «a importancia deste tipo de traballos académicos para achegar o entorno académico á sociedade, máis en concreto o coñecemento e importancia dos diferentes eidos relacionados coa xestión da auga no contexto da área metropolitana, e para a vida das persoas en xeral». Finalmente, o xurado trasladou as súas felicitacións a todos os participantes, especialmente aos premiados, e aos seus titores/as académicos, e animounos a continuar a traballar, desde os postos que ocupan e coas capacidades que teñan, por mellorar o entorno da auga.
Nos vindeiros días convocarase a terceira edición dos Premios Cátedra Emalcsa-UDC, ainda que, a diferencia das dúas primeiras edicións, estarán dirixidos só a Traballos Fin de Máster co obxectivo de, na liña de actuación da Cátedra, contribuir á creación dun ecosistema investigador multidisciplinar no eido da auga.