O IX Certame de Debuxo da Natureza ‘Vida silvestre do encoro de Cecebre’, que organiza o Grupo Naturalista Hábitat da man de Emalcsa e coa colaboración da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, xa está en marcha.
A edición deste ano terá como título ‘A vida a rentes do chan’ para subliñar a importancia do solo como sustento das plantas que atraen a multitude de especies de vertebrados e invertebrados. De feito, a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO polas súas siglas en inglés), sinala que o solo é fundamental para alimentar ao mundo, pode mitigar o cambio climático e alberga a cuarta parte da diversidade biolóxica do planeta. O certame de debuxo deste ano pretende destacalo.
O obxectivo deste concurso é fomentar entre a sociedade, a través do debuxo, o coñecemento e o coidado dun enclave fundamental para A Coruña e a súa área metropolitana: o encoro do Cecebre. Espazo natural protexido, este encoro alberga unha extraordinaria riqueza ecolóxica e é o piar do abastecemento de auga para a cidade herculina e a súa contorna.
Participar neste certame é de balde. Pode facelo calquera que teña gañas de gozar da natureza a través do debuxo. Non se precisan coñecementos en ilustración.
O prazo de presentación de debuxos rematará o 8 de novembro. Nas bases do concurso tedes a folla de inscrición online.
No certame haberá dúas categorías diferentes: maiores e menores de 14 anos. As tres mellores ilustracións da primeira destas categorías gañarán un premio de 150, 100 e 50 euros, respectivamente. Asimesmo, os autores das obras gañadoras en cada especie e categoría serán agasallados cun lote de produtos e un diploma que acredite a súa participación e recoñecemento no certame. Ademais, entre o total das ilustracións recibidas escolleranse as 24 que compoñerán o calendario 2022 do Grupo Naturalista Hábitat.
Todas as obras serán exhibidas na sala de exposicións de Emalcsa na Casa da Auga.
Sandra Robles, Paula de Salvador e Kristopher Dios foron os gañadores da edición do 2020. Na sala de exposicións virtual de Emalcsa podedes ver todas as obras participantes nesta e en anteriores edicións.