A Xunta de Galicia lanzou o 24 de xuño a primeira liña de apoio técnico e económico aos concellos para que elaboren plans de emerxencia fronte á seca que permitan garantir o abastecemento de auga á poboación.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presentaron en rolda de prensa a orde de axudas aos municipios cuxa convocatoria fai pública hoxe o Diario Oficial de Galicia.
Concretaron que, a partir de mañá e ata o 24 de xullo, os municipios galegos poderán solicitar unha subvención de ata 15.000 euros para elaborar un plan de emerxencia fronte á seca. A convocatoria de axudas priorizará os concellos de menos de 50.000 habitantes e conta cun orzamento de 250.000 euros que se poderá ampliar en caso de que o volume de solicitudes exceda a partida dispoñible.
As axudas convócanse para os plans redactados neste ano e no vindeiro 2020, financiando a Xunta nun 80% de cada plan, e podendo achegar financiamento o resto das administracións públicas.
A conselleira incidiu en que a Xunta, unha vez máis, aposta por prestar apoio técnico e financeiro aos Concellos en materia de augas e defendeu a necesidade de que as distintas Administracións xunten esforzos e colaboren, cada unha no eido das súas competencias e responsabilidades.
Máis información: https://augasdegalicia.xunta.gal/novas?content=nova_estandar40948.html