A tarde do 14 de febreiro celebrouse un encontro na Reitoría da Universidade da Coruña entre o reitor, Julio Abalde, e o Conselleiro Delegado de Hijos de Rivera, Ignacio Rivera, co obxectivo de materializar a creación da Cátedra Hijos de Rivera de Desenvolvemento Sustentable.
Deste modo, Hijos de Rivera impulsará durante os próximos tres anos esta Cátedra da man da Universidade da Coruña coa fin de levar a cabo actividades de formación, investigación e desenvolvemento ou transferencia de coñecementos no ámbito do desenvolvemento sustentable. Dirixida polo profesor de Economía circular, Guillermo Iglesias, estará adscrita á Facultade de Economía e Empresa e ao Campus Sustentabilidade.
Esta iniciativa responde ao compromiso da compañía co seu contorno e á súa forte vinculación coa agricultura, orixen do 100% das materias primas dos seus productos.
Para Julio Abalde, “Hijos de Rivera é unha das empresas máis prestixiosas de Galicia, con sede na Coruña, e por tanto é un orgullo para a Universidade da Coruña comezar unha colaboración que fortaleza e enriqueza ás dúas institucións e á sociedade en xeral, no eido da economía circular e a sustentabilidade”. O reitor engadiu que “a creación desta Cátedra Hijos de Rivera de Desenvolvemento Sustentable é de particular interese para a UDC, polo noso compromiso co desenvolvemento integral de Galicia, na procura de maiores niveis de benestar para o conxunto da sociedade por medio de avances sociais, científicos e tecnolóxicos. A colaboración con empresas do entorno forma parte da estratexia da Universidade e, en particular, o propósito desta Cátedra encaixa cos obxectivos do Campus Sustentabiliadde de recente implantación”.
O principal obxectivo da Cátedra é explorar modelos innovadores e disruptivos que garanticen o equilibro entre a competitividade económica, o respecto ao medio ambiente e o avance social.
Todo isto levarase a cabo a través de actividades de investigación, encontros entre diferentes actores interesados, seminarios sobre experiencias e modelos de transformación socioeconómica, así como propostas de formación e divulgación relacionadas co desenvolvemento sustentable.
As cátedras institucionais permiten desenvolver actividades non lucrativas específicas de formación, de divulgación, de transferencia de coñecemento e de investigación nos ámbitos de interese común para a empresa e a Universidade. A Cátedra Hijos de Rivera de Desenvolvemento Sustentable vén a sumarse a unha listaxe de colaboracións con empresas punteiras de Galicia.