A Universidade da Coruña é a terceira universidade de España que mellor xestiona a auga segundo o último Green Metric Ranking of World Universities publicado o pasado decembro. Este ranking naceu en 2010 para avaliar as iniciativas que se desenvolven nas universidades de todo o mundo en relación coa loita contra o cambio climático, a xestión da enerxía e a auga, a reciclaxe ou o transporte sostible. É un ranking, en definitiva, que mide os esforzos das universidades no que respecta á sostibilidade ambiental e as políticas de xestión respectuosas co medio ambiente.
O ranking elabórase a partir de 6 indicadores: entorno e infraestrutura, enerxía e cambio climático, residuos, transporte, educación e investigación e auga. O primeiro e o último son nos que a UDC máis mellorou respecto á clasificación de 2020. De feito, no que respecta á auga, a universidade coruñesa acadou 850 puntos dos 1.000 (puntuación máxima), o que supón 75 máis que no ranking anterior. Este notable crecemento sitúaa como a terceira mellor universidade de España entre as 28 participantes e na posición 100 entre as 956 universidades de 80 países que integran esta clasificación.
Na clasificación global a UDC sitúase como a 49ª universidade máis sostible do mundo e supera en 16 postos o resultado acadado en 2020. En España ocupa a cuarta posición do ranking tras a Universidade Complutense de Madrid, a Universitat Autónoma de Barcelona e a Universidade de Alcalá. En Galicia, por último, continúa como a universidade líder en sostibilidade.
A convocatoria do Green Metric Ranking of World Universities de 2021, na que participaron 45 universidades máis respecto da anterior edición para facer un total de 956, fíxose baixo o lema ‘Universidades, UI GrenMetric e ODS na época da pandemia’ co obxectivo de valorar os esforzos das universidades para manter as súas iniciativas a prol da sostibilidade en tempos da pandemia de Covid-19.