Do 30 de outubro ao 4 de novembro celebrouse no Lago George de Nova York, de novo de xeito presencial, un novo encontro dos membros da Global Lake Ecological Observatory Network (GLEON), unha rede global de científicos, técnicos, xestores e estudantes de diferentes lugares do mundo cuxo obxectivo é estudar os procesos de funcionamento das masas de auga a nivel global e aplicalos para protexer, conservar e mellorar os nosos lagos e encoros.
Na localidade estadounidense déronse cita arredor de 170 científicos procedentes dos cinco continentes, sobre todo de Europa e os Estados Unidos. Entre eles a doutora Carmen Cillero, enxeñeira de montes da empresa 3edata, que acudiu en representación do encoro de Abegondo-Cecebre, parte desta rede dende 2017 (a súa inclusión foi unha das primeiras iniciativas da Cátedra Emalcsa-UDC).
Durante os días nos que tivo lugar o encontro celebráronse diferentes tipos de obradoiros, moitos deles liderados pola GLEON Students Association. A meirande parte centráronse en estudar e analizar o uso de datos en alta frecuencia tomados a través de dispositivos remotos como boias e sistemas perfiladores con sensores automáticos para modelar e predicir procesos en ecosistemas acuáticos. Os sistemas de medición en alta frecuencia son un punto fundamental na actividade da Rede Gleon. Por iso, a parte máis importante da reunión centrouse nas aportacións dos Grupos de Traballo Temáticos que desenvolven novas ideas e hipóteses sobre estes sistemas de medición, que poden ser testados cos datos proporcionados polos diferentes Gleon Sites que conforman a rede.
O encoro de Cecebre, como Gleon Site, caracterízase por ser o nodo de datos máis meridional de Europa e polo seu interese no que respecta ao uso combinado de datos in situ coa teledetección por satélite, outra técnica de monitorización e obtención de datos en remoto con cobertura global. Oano 2022 foi importante neste aspecto xa que, por primeira vez, e de xeito global, estableceuse un grupo de traballo na teledetección acuática (Remote Sensing Working Group) que tivo un grande éxito de participación e posibilitou o desenvolvemento de novas ideas de traballo para o futuro nas que se usarán datos do encoro de Cecebre e dos programas globais de observación da Terra (EU Copernicus e Nasa) para aportar coñecemento a nivel global acerca de diferentes procesos de interese no funcionamento de lagos e encoros.