A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e Emalcsa veñen de abrir o prazo para inscribirse nunha nova edición do concurso ‘A auga non para’. Dirixida aos colexios da Coruña, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada, esta iniciativa pretende explicar aos nenos de 5ª e 6º de Primaria o ciclo da auga da súa contorna e conciencialos sobre a importancia de usar a auga de xeito responsable. Así, os rapaces aprenderán xogando os diferentes usos da auga, os ecosistemas asociados á cunca dos ríos Mero e Barcés, a importancia do encoro de Cecebre tanto pola súa riqueza ecolóxica como por ser enclave fundamental no sistema de abastecemento de auga á Coruña e a súa área metropolitana, os procesos de potabilización da auga ou como se distribúe ésta á poboación.
A ferramenta base para transmitir aos rapaces todos estes coñecementos é un xogo composto por un taboleiro que simula o ciclo da auga da Coruña e contorna. Os rapaces, mediante preguntas e respostas van avanzando por el ata completar o percorrido. O xogo tamén ten unha versión online aberta ao público á que se pode acceder en www.oxogodagota.es.
Os colexios interesados en participar ou solicitar máis información poden escribir ao enderezo electrónico info@marinasbetanzos.gal ou chamar ao teléfono 981 669 541.
O concurso ‘A auga non para’ naceu en 2018 e a finais de 2021 foi premiado pola Fundación Botín como unha das mellores iniciativas desenvolvidas en España no que respecta á xestión sostible da auga no eido da educación.