A Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD), conformada pola Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo, convoca a primeira edición do concurso de vídeos ‘Móvete polos ODS’. O obxectivo desta iniciativa é sensibilizar á comunidade universitaria e ao público en xeral sobre a importancia que ten a implicación da sociedade nos grandes retos mundiais sobre a desigualdade, o cambio climático, a perda de biodiversidade… que forman os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 das Nacións Unidas.
Poderán participar no certame todos os alumnos das tres universidades galegas de xeito individual ou en grupo. Os vídeos deberán ser dun minuto de duración como máximo e estarán en formato mp4 (cunha resolución de 1280x720p aínda que a ideal é 1920x1080p). A temática destes centrarase no xeito no que se pode contribuír á consecución dalgunha das 169 metas nas que se materializan estes obxectivos.
O prazo de presentación dos vídeos remata ás 14.00 horas do 30 de setembro.
Todos os vídeos presentados que cumplan coas bases do certame subiranse a Youtube para ser votados. Os tres máis votados terán unha dotación económica de 500, 350 e 200 euros. Ademais, outorgarase un premio de 400 euros ao vídeo máis innovador.