A RAGC recoñece así a súa “ampla e frutífera” traxectoria no eido da divulgación científica en Galicia e o seu pioneiro traballo en pos da posta en marcha de museos científicos na nosa comunidade e no resto do Estado “o que o converten nunha figura senlleira da divulgación da ciencia y merecedor do premio”.
Licenciado en Ciencias pola Universidade de Santiago e Master of Arts en Educación das Ciencias pola New York University (NYU), Ramón Núñez concibiu e deseñou os Museos Científicos da Coruña —Casa das Ciencias, Casa do Home e Aquarium Finisterrae— creados e financiados polo Concello da Coruña. Asimesmo desenvolveu o Plan Museolóxico do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología de España (Muncyt) ubicado na Coruña,que dirixiu ata 2013.
Núñez tamén participou no deseño doutros museos como o Museo de las Ciencias de Valencia ou o Museo de la Evolución Humana en Burgos.
Considerado como o impulsor da nova museoloxía científica en España, Ramón Núñez é divulgador científico. Publicou centenares de artigos en xornais e é colaborador en diferentes medios de comunicación escritos, como a revista Muy Interesante, radiofónicos, televisivos e dixitais. Tamén impartiu conferencias sobre museoloxía, divulgación didáctica das ciencias, xornalismo científico e historia da ciencia en diferentes países. Ademais, escribiu varios libros como Nombres Comunes, Visiones Propias, Esta es mi gente ou Un científico en la cocina.
Ramón Núñez recibiu, entre outros galardóns, o Premio Nacional de Periodismo Científico o premio Mario Bohoslavsky (2000), e o premio de divulgación JM Savirón (2009). Asimesmo é membro, entre outras institucións, da Asociación Española de Comunicación Científica, da Academia de Gastronomía de Galicia, da New York Academy os Sciences e da Royal Institution.