A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e a Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sustentable están inmersos nun proxecto para mellorar a calidade do bosque de ribera dunha parte do río Barcés e, polo tanto, a calidade da auga deste río que, xunto ao Mero e ao encoro de Cecebre, xoga un papel moi importante no que respecta ao abastecemento de auga a A Coruña e a súa área metropolitana. “O bosque de ribera é un elemento necesario dun río san. O bosque crea un filtro natural que estabiliza as ribeiras, evita aportes constantes por erosión ao leito e retén contaminantes que se poden verter polas actividades agrarias ou gandeiras. Ainda que a relación non é directa pensamos que un bosque de ribera ben conservado garante a calidade da auga e evita algúns problemas de contaminación e eutrofización”, sinala Jaime Fagúndez que, xunto á súa compañeira e membro da Cátedra Emalcsa-UDC, María José Servia (ambos doutores da Universidade da Coruña), lidera a investigación.
O proxecto consta de tres fases. A primeira desenvolveuse en 2021 e serviu para recopilar información cartográfica ou florística para, en definitiva, avaliar o estado do bosque de ribera. “O noso traballo pretende crear unha base de coñecemento do bosque sobre a que plantexar medidas para a súa mellora. Na primeira fase puidemos identificar as principais causas da perda de calidade do hábitat, definir indicadores de calidade e determinar unha condición desexable do bosque”, explica Fagúndez.
Este ano 2022 levarase a cabo a segunda fase deste proxecto na que, a partires dos datos recopilados na primeira, plantexaranse as medidas de mellora do bosque. “Imos determinar onde e como actuar para o que, entre outras medidas, haberá que falar cos propietarios de terreos próximos á ribeira do río e plantexarlles alternativas como a posibilidade de retrasar uns metros os seus cultivos”, sinala Jaime Fagúndez.
Porque na análise desenvolvida nesta primeira fase detectáronse problemas asociados ao uso humano. “Son presións importantes sobre o río. A presión derivada dun uso de cultivo, de pasto para animais ou repoboacións forestais van acantoando o bosque de ribera a unha franxa estreita. Hai unha sobrepresión que ao final redunda na calidade do hábitat e nas especies”, apunta Fagúndez nunha entrevista publicada no xornal La Opinión A Coruña.
Unha vez plantexadas as medidas comezará a terceira e derradeira fase do proxecto, que consistirá na realización dos traballos recomendados no estudo para mellorar o bosque de ribera. Ainda é cedo para concretar estes traballos, pero Jaime Fagúndez considera que as actuacións que haberá que levar a cabo non serán invasivas. “Un diagnóstico inicial é que o estado do bosque, en xeral, é bo, polo que, nun principio, as actuacións para recuperar o bo estado do hábitat do bosque en zonas algo degradadas, como por exemplo eliminar especies exóticas invasoras, non necesitarán grandes intervencións nin importantes inversións económicas”, conclúe Fagúndez.