O martes 15 de marzo entrou en funcionamento unha rede de 28 fontes públicas ubicadas ao longo dos 18 concellos que percorre o Camiño Inglés. Dúas delas están ubicadas na Coruña, en concreto no Parrote e en Eirís. A instalación destas fontes está enmarcada no proxecto Life Water Way, unha iniciativa que conclúe coa posta en marcha desta rede e cuxo obxectivo foi dotar ao camiño de peregrinación a Santiago de Compostela de 28 fontes distribuídas ao longo do percorrido para que os peregrinos e os veciños en xeral podan encher as súas cantimploras ou botellas sempre que o precisen. Catro destas fontes (as situadas nos concellos de Abegondo, Carral, Ordes e Mesía) aproveitan a auga de mananciais subterráneos. As outras 24 (situadas en Santiago de Compostela, Oroso, Betanzos, Miño, Paderne, Cambre, A Coruña, Ferrol, Narón, Cabanas, Culleredo, Pontedeume, Fene e Neda) están conectadas ás redes de abastecemento dos municipios.
O proxecto desenvolveuse desde o punto de vista da sostibilidade e o respecto ao Medio Ambiente. Así, as 28 fontes contan cun innovador sistema de potabilización de auga a través de luz ultravioleta e filtración. Ademais, deste xeito se fomenta o consumo de auga en botellas ou outros recipientes reutilizables e mitíganse os impactos ambientais derivados do consumo de auga embotellada nas sendas naturais e itinerarios culturais europeos. O proxecto, asimesmo, incluíu o deseño dunhas botellas-termo de aceiro inoxidable de medio litro que se venden na web do proxecto cun doble obxectivo: colaborar no mantemento da rede de fontes e contribuír na redución do consumo de plásticos contaminantes.
O concello de Abegondo foi o promotor do Life Water Way, en cuxo desenvolvemento tamén participaron a Xunta (a través das consellerías de Infraestruturas e Movilidade e Sanidade), a Deputación da Coruña, a Agrupación de Desenvolvemento Rural Mariñas Betanzos (xestora da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, coa que colaboran Emalcsa e a Cátedra Emalcsa-UDC en diversos proxectos) e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia. O orzamento do proxecto foi de 973.000 euros dos que as administracións anteriormente citadas achegaron 604.000. Os 370.000 euros restantes foron financiados con fondos europeos.