Equipo de investigación da Universidade da Coruña en Co-UDlabs. De esquerda a dereita: Jerónimo Puertas, Luis Cea, Juan Naves, Andrea Ciambra, Joaquín Suárez e José Anta.
A Universidade da Coruña acolle esta semana a primeira asemblea xeral do proxecto europeo H2020 Co-UDlabs que coordina o Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da UDC, grupo de investigación que participa no comité científico-técnico da Cátedra Emalcsa-UDC.
O Co-UDlabs, no que participan 9 socios de 7 países e 17 instalacións singulares, ten como obxectivo analizar os principais problemas relacionados cós sistemas de saneamento e drenaxe urbana e realizar propostas de mellora destes mediante a innovación. Para iso empréganse tecnoloxías de intelixencia artificial (IA) e da Internet das cousas (IoT), que permitirán a dixitalización do sector da drenaxe. Ademais, tamén se estudan novas solucións de drenaxe sustentable que favorezan o desenvolvemento de cidades máis verdes e amigables para os cidadáns.
O profesor da UDC e membro do Geama, José Anta, é o investigador principal deste proxecto. Anta liderará un equipo ao que tamén pertencen Joaquín Suárez, ex director da Cátedra Emalcsa-UDC, Jerónimo Puertas, Luis Cea, Juan Naves e Andrea Ciambra.
A UDC aporta 3 das 17 instalacións de investigación que se ofrecen nas convocatorias de acceso. Dúas destas instalacións forman parte do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC). Trátase do modelo de drenaxe urbana dunha rúa a escala real (STREET), de 36 m2 de superficie, e da plataforma científica de 100 m2 para ensaios de escorredura urbana (BLOCK), na cal modelízase a escala 1:4 unha intersección urbana incluíndo elementos de edificación como tellados e cubertas vexetadas. Estas dúas instalacións incorporan simuladores de chuvia en laboratorio capaces de producir intensidades de precipitación de ata 80 litros/m2 por hora. A terceira infraestrutura aportada pola UDC é a canle experimental de ensaio de augas residuais situada na estación depuradora Edar de Bens (A Coruña), e xestionada conxuntamente coas empresas públicas Edar Bens SA e Emalcsa.
Socios do proxecto Co-Udlabs
Como sinala a UDC na súa páxina web, a celebración da asemblea xeral do proxecto Co-UDlabs vai acompañada de seminarios científicos específicos para o persoal investigador do proxecto, así como de outras actividades complementarias de coordinación. Estes eventos desenvolveranse na E.T.S. de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos e máis no Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), e servirán para traer á Universidade da Coruña a destacados investigadores e investigadoras internacionais, en representación dos nove socios do proxecto, pertencentes a sete países europeos diferentes: Francia, Reino Unido, Países Baixos, Suíza, Alemaña e Dinamarca, ademais de España.
Nestes encontros trataranse aspectos como o estado de progreso do proxecto e a definición dos seguintes pasos clave, así como a organización de futuros workshops para o desenvolvemento de actividades de investigación conxunta. O programa científico estará complementado coa celebración na cidade de varios eventos de tipo social ao obxecto de favorecer o networking entre os socios do proxecto.