A Cátedra Emalcsa-UDC celebrou este mércores 19 de xaneiro a súa primeira actividade do 2022: un seminario técnico sobre a calidade da auga en redes de distribución. A xornada reuniu a técnicos de Emalcsa e a Universidade da Coruña, así como do Ente de Abastecmento de Auga Ter-Llobregat, Global Omnium/Augas de Valencia e o Consorcio de Augas Bilbao Bizkaia, empresas que xestionan a auga en Barcelona, Valencia e Bilbao, respectivamente. O obxectivo do encontro era abordar, a través do intercambio de experiencias e problemáticas, unha cuestión na que as entidades participantes están a traballar dende hai algún tempo: a monitorización da calidade da auga nas redes de distribución máis aló do establecido na lexislación e a mellora da percepción da calidade da auga que ten a cidadanía.
Durante a xornada, Ricardo Juncosa e José Luis Cereijo, investigadores pertencentes ao Grupo de Investigación Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) ,explicaron o Plan ECAD (Excelencia na Calidade da Auga Distribuida), unha das liñas de investigación que se está a desenvolver no marco de actuación da Cátedra Emalcsa-UDC cuxo obxectivo é estudar o sistema de distribución da auga na Coruña para mellorar a calidade da auga que chega á cidadanía. Rocío Salinas, responsable de Calidade da Auga de Emivasa, empresa pertencente ao grupo Global Omnium e encargada da xestión da auga en Valencia, comentou os primeiros resultados da investigación na que están inmersos para mellorar a percepción da calidade da auga que teñen os valencianos. E Santos Paunero, responsable de I+D+i do Consorcio de Augas Bilbao Bizkaia, e Natalia Alegría, directora da Aula da Auga da Universidade do País Vasco, expuxeron o proceso de investigación que ámbalas dúas institucións veñen de iniciar para determinar as causas dos episodios de turbidez que de cando en vez aparecen na rede de distribución de Bilbao.
O seminario tamén contou coa presenza de Fernando Valreo, xefe de I+D+i e control de procesos do Ente de Abastecemento de Auga Ter-Llobregat, empresa que se encarga de abastecer de auga a máis de 100 concellos de Cataluña que engloban unha poboación de arredor de 5 millóns de habitantes. Valero abordo no seu relatorio as implicacións da nova directiva de augas de consumo humano que está en fase de trasposición á lexislación española e as posibles implicacións que terá nas actividades dos operadores de auga.
A xornada, na que houbo espazo para un interesante debate entre os participantes, rematou cunha visita ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil da Universidade da Coruña (CITEEC), no que se atopa a infraestrutura de monitorización asociada ao Plan ECAD ou o modelo físico Medusa, unha instalación punteira que modela o ciclo urbano da auga da Coruña e que serve de apoio a Emalcsa en tarefas de investigación.
O seminario celebrado este mércores é o primeiro dunha serie de xornadas e conferencias que a Cátedra Emalcsa-UDC celebrará ao longo de 2022 para achegar á sociedade a investigación e o traballo que están a desenvolver conxuntamente Emalcsa e a Universidade da Coruña.