O vindeiro sábado 7 de maio celébrase no Parque de Santa Margarida o XXVI Día da Ciencia na Rúa, un evento divulgativo que terá lugar xa sin restricións e con público despois de que o ano pasado tivera que trasladarse ao Teatro Colón a causa da emerxencia sanitaria.
A Cátedra Emalcsa-UDC colabora na organización desta actividade científica xunto aos Museos Científicos Coruñeses e a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias. Pero tamén será unha das protagonistas deste Día da Ciencia na Rúa. De feito contará cunha jaima propia na que amosará diferentes experimentos, moitos deles relacionados coa eutrofización, un fenómeno natural que consiste no excesivo crecemento de plantas e outros organismos nas augas de ríos, lagos e encoros a causa dunha alta concentración de nutrientes.
A eutrofización é un proceso que xeralmente tarda moitos anos en producirse pero que, debido á acción do ser humano, acelerouse nos últimos tempos convertíndose nun serio problema medioambiental. Neste sentido, na jaima da Cátedra Emalcsa-UDC amosarase un dron acuático que serve para estudar a eutrofización. Coñécese como ‘Ecomapper’ e é quen de medir moitos parámetros da auga como a turbidez, o pH, a concentración de clorofila ou a velocidade da auga, a súa temperatura e a súa conductividade. Utilízase no encoro de Cecebre, lugar dunha extraordinaria riqueza ecolóxica e enclave fundamental no que se refire ao abastecemento de auga á Coruña e a súa área metropolitana.
A estratificación da auga é un proceso que tamén pode contribuír á eutrofización. Ten lugar cando nun mesmo espazo existen masas de auga con diferentes propiedades (densidad, oxixenación, temperatura…), o que fai que non se mesturen. Por este motivo mostrarase aos visitantes experimentos que explicarán a densidade de diferentes líquidos, como varía a densidade da auga cando se conxela e como se evapora, como as augas a diferentes temperaturas non se misturan ou como crecen as microalgas.
Pero ademais, a Cátedra Emalcsa-UDC instalará na súa jaima uns paneis que permitirán, utilizando o teléfono móbil, facer unha visita virtual ás instalacións máis representativas do sistema de auga urbana da Coruña e a súa área metropolitana.
Emalcsa tamén colaborará no evento co reparto de botellas reutilizables e coa instalación de fontes no Parque de Santa Margarida. O obxectivo é que os participantes podan beber auga da traída e non teñan que utilizar botellas de plástico.
O XXVI Día da Ciencia na Rúa contará coa presenza de 35 centros educativos da Coruña, Betanzos, Culleredo, Ribadeo, Cambre, Carral, Coristanco, Ortigueira, Pastoriza e Miño. Todos eles amosarán ao público as actividades e experiencias que prepararon nos últimos meses. Tamén participarán diferentes entidades e institucións vencelladas á actividade científica. Por parte da Universidade da Coruña estarán presentes a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñeiros de Camiños Canais e Portos, a Agrupación Estratéxica do Centro de Investigacións Avanzadas (CICA) ou o Centro de Investigación TIC (CITIC). Do eido universitario tamén estarán nesta edición a Facultade de Física da Universidade de Santiago e a Facultade de Ciencias da Universidade de Salamanca.
Tamén acudirán, entre outros, o Centro Oceanográfico da Coruña e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, a Asociación Galega de Xadrecistas ou Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. Ademais, completarán esta xornada un desfile de cabezudos de famosos científicos, un concerto do Conservatorio de Música da Coruña e diferentes xogos e obradoiros.
Ás 18.00 horas terá lugar a cerimonia de entrega de premios, cós que se pretende recoñecer o traballo dos centros escolares participantes. Estes premios levan o nome do falecido Javier Novelle, que durante 24 anos e desde a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias impulsou o Día da Ciencia na Rúa.
Durante toda a xornada o acceso á Casa das Ciencias, a Domus e ao Aquarium Finisterrae será libre, ainda que nos dous últimos é preciso reservar a entrada.