A Cátedra Emalcsa-UDC participará na IV Feira da Ciencia ‘Cullerciencia’, que se celebra o vindeiro sábado 18 de xuño no Paseo Marítimo da Ría do Burgo (Culleredo). Este evento de divulgación científica está organizado polo Clube de Ciencia do Ceip Ría do Burgo da man do Concello de Culleredo.
A Cátedra Emalcsa-UDC contará cunha carpa propia cuxa ubicación figura na imaxe que acompaña estas liñas. Nela, como xa fixo no XXVI Día da Ciencia na Rúa que tivo lugar na Coruña o pasado 7 de maio, amosará aos visitantes experimentos centrados, especialmente, en explicar a eutrofización, un fenómeno que consiste na excesiva presenza de plancto vexetal nos ríos, lagos e encoros debido a unha elevada concentración de nutrientes, o que produce o esgotamento dos recursos en sales nutrientes, a morte e descomposición da materia vexetal e o conseguinte mal estado da auga. Para prever episodios de eutrofización no encoro de Cecebre, lugar fundamental para abastecer de auga a A Coruña e a súa contorna, Emalcsa utiliza un dron acuático que os visitantes poderán ver se pasan pola carpa da Cátedra Emalcsa-UDC.
Na ‘Cullerciencia’, como se anunciou o pasado 2 de xuño na presentación desta Feira da Ciencia, participarán 10 colexios e institutos de Culleredo e municipios da contorna e centros de Murcia, Sevilla e As Palmas de Gran Canaria, polo que a feira terá un carácter nacional. Así mesmo, tamén acudirán diferentes entidades que, como a Cátedra Emalcsa-UDC, están relacionadas coa ciencia. É o caso da Universidade da Coruña, do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA), a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, ou o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA).
A ‘Cullerciencia’, ademais, terá espazos destinados á exposición dos proxectos desenvolvidos polos estudantes, así como unha zona de radio e outra na que terán lugar diferentes charlas. Nesta última, ás 11.00 horas intervirá José Martínez Costas, profesor de Bioquímica e Bioloxía Molecular na Universidade de Santiago; ás 12.30 faráo Sonia Villapol, profesora asistente do Departamento de Neurocirurxía do Houston Methodist Research Institute (Texas-Estados Unidos); xa pola tarde, ás 16.00 horas, será a quenda de Margarita Poza, investigadora do Instituto de Investigación Biomédica (INIBIC), que falará da CovidBens, a iniciativa que se desenvolveu na EDAR Bens da Coruña para rastrexar a presenza do coronavirus nas augas residuais; ás 17.30 horas pechará as charlas Paula García Tenorio, licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.
Finalmente, os rapaces de entre 3 e 14 anos poderán gozar de diferentes obradoiros que se impartirán nas carpas 24, 30 e 31.