Emalcsa, a través da Cátedra Emalcsa-UDC, colaborará no proxecto internacional ‘LAnd-Based solutions for PLAStics in the Sea’ (LabPlas) que desenvolverá un consorcio de oito países coordinado pola Universidade de Vigo que ten como obxectivo, segundo o IP deste iniciativa, o catedrático da universidade viguesa e director do grupo de investigación Ecotox, Ricardo Beiras, “reducir a entrada de plásticos ao medio ambiente”.
Este proxecto, seleccionado na convocatoria europea H2020 e que reúne a 16 socios, poñeráse en marcha este mes de xuño coa recollida de mostras en diferentes lugares terrestres e acuáticos, tanto mariños como continentais. O único pertencente á Península Ibérica e o único tamén asociado a augas destinadas ao consumo humano será o encoro de Cecebre, enclave fundamental no que respecta ao abastecemento de auga a A Coruña e a súa área metropolitana. Aquí é donde a Cátedra, a través do Instituto Universitario de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, colaborará en tarefas de análise da auga para determinar o posible efecto do aporte de microplásticos e de aditivos químicos á agua potable. En concreto estudaranse os ríos Mero e Barcés, o propio encoro, a continuación do Mero ata a súa desembocadura na Ría do Burgo e, finalmente, a contorna da AP-9, xa que esa zona tamén recibe microplásticos que se desprenden das rodas dos automóbiles pola fricción co asfalto.
A recollida de mostras tamén se levará a cabo no Mar do Norte e os ríos Támese e Elba, que desembocan nese mar.
Un dos principais focos de atención do proxecto serán os microplásticos. A natureza non os pode eliminar, polo que os científicos centran os seus esforzos en evitar que acaben no medio ambiente trala descomposición de envases, botellas, roupa… Para rastrexalos os equipos de traballo do LabPlas, tomarán mostras de auga, sedimentos, solos e incluso organismos que poden inxerir microplásticos. Os investigadores monitorizarán a presenza tanto de macroplásticos (> 25 mm), como de mesoplásticos (5-25 mm), microplásticos grandes (1-5 mm) e microplásticos pequenos (1µm – 1 mm). Estas diferenzas de tamaño constitúen unha das partes máis complexas do traballo, xa que os equipos de mostraxe deberán empregar distintas ferramentas e aparellos para capturar cada un dos tamaños.
Trala recollida de mostras, que se desenvolverá durante os dous primeiros anos, os datos recollidos darán lugar a modelos ambientais que tratarán de determinar os movementos dos microplásticos no ambiente para saber onde abundan, se van ao fondo da auga ou son inxeridos por organismos… Con estes datos, os científicos do LabPlas pretenden dotar ás administracións públicas e ás empresas dunha ferramenta, edificada sobre criterios científicos, que lles permita desenvolver medidas que permitan combater a contaminación por plásticos