Según datos de la ONU, entre 19 y 23 millones de toneladas de deshechos plásticos finalizan cada año en lagos, ríos y mares. Del mismo modo, los microplásticos (partículas cuyo diámetro es inferior a 5 milímetros) invaden alimentos, el agua e incluso el aire. Por este motivo, el Programa de las Naciones Unidas para el Medio Ambiente decidió aprovechar el 5 de junio de este 2023, día en el que cada año se celebra el Día Mundial del Medio Ambiente, para subrayar la importancia de tomar medidas de inmediato para solucionar este problema.
También un 5 de junio, pero de 1799, partía de A Coruña Alexander von Humboldt para iniciar una exploración que lo convertiría en una de las figuras más relevantes de la historia de la ciencia, en un pionero en la preocupación por la conservación del Medio Ambiente y en un adelantado en lo que respecta a la sensibilización social sobre ese enorme reto. Así lo explica el historiador y divulgador científico Xosé Antón Fraga, académico correspondiente de la Real Academia Galega y ex director de los Museos Científicos Coruñeses y del Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, en el artículo que podéis leer a continuación.
Día Mundial do Medio Ambiente con Humboldt na lembranza
Xosé Antón Fraga
Historiador e divulgador da ciencia
O 5 de xuño de cada ano –desde 1973– celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente. O tema deste ano, cincuenta aniversario, é a contaminación por plásticos, pois cada ano chegan aos océanos uns 11 millóns de toneladas de residuos plásticos. A conmemoración foi aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas a proposta do Programa desa institución para o Medio Ambiente (PNUMA). A elección do día era un xeito de render homenaxe ao de apertura da Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente humano en Estocolmo, o 5 de xuño de 1972.
Nunha feliz coincidencia, outro 5 de xuño –pero de 1799– partía da Coruña a fragata El Pizarro con Alexander von Humboldt (1769-1859) a bordo cara a súa relevante exploración americana. Camiño de converterse non só nunha das figuras máis destacadas da historia da ciencia, senón, ademais, nun pioneiro na preocupación pola conservación do Medio Ambiente e nun adiantado no labor de sensibilización social sobre ese enorme reto.
Humboldt acadara unha sólida formación en minería, posuía coñecementos de botánica, realizara experimentos sobre química, fisioloxía das plantas e galvanismo. Agudo observador, gozaba dunha grande experiencia no uso de numerosos instrumentos de medición. Cando morreu a nai, en 1796, decidiu deixar o traballo como inspector de minas e levar á práctica o seu vello proxecto de realizar unha exploración científica por países distantes.
O 5 de xuño de cada ano -desde 1973- celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente. A elección do día era un xeito de render homenaxe á data de apertura da Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente humano en Estocolmo, o 5 de xuño de 1972. Nunha feliz coincidencia, outro 5 de xuño –pero de 1799– partía da Coruña a fragata ‘El Pizarro’ con Alexander von Humboldt (1769-1859) a bordo cara a súa relevante exploración americana.
En principio tiña previsto incorporarse desde Francia á expedición de Nicolás Baudin, porén as circunstancias do momento, con diferentes conflitos bélicos entre diversos países, o levaron a pasar a territorio español. Os contactos que estableceu en Madrid e os bos oficios da comunidade científica alí establecida permitiron que, de xeito inesperado, o prusiano obtivera un pasaporte que lle facilitaba –nunhas condicións moi favorables– a exploración das colonias españolas de América.
A intención do científico era partir desde o porto de Cádiz, mais este se atopaba pecho ao tráfico marítimo pola guerra cos ingleses, mentres o da Coruña –con algunhas complicacións– permanecía aberto e tiña conexión directa con América grazas aos Correos marítimos. Polo que o 25 de maio dese ano 1799 chegou á cidade herculina para emprender a arelada expedición.
Humboldt emprendeu a viaxe acompañado do botánico Aimé Bonpland e dun auténtico arsenal de instrumentos científicos, un conxunto singular do que moi poucos especialistas poderían dispoñer. Exemplares de última xeración que esixían, ademais, un amplo coñecemento e experiencia para o seu correcto manexo. Constituían a ferramenta necesaria para o obxectivo do prusiano de medir múltiples elementos da natureza, os seus compoñentes físicos e químicos.
Comezada a travesía o día 5 de xuño, o prusiano pasou unhas xornadas en Tenerife, nas que visitou o Teide, e desembarcou o 16 de xullo en Cumaná, no Caribe venezolano. Desde alí realizou unha exploración de cinco anos por extensos territorios, que corresponden a varios países (os actuais Colombia, Venezuela, Cuba, Ecuador, Perú e México) e unha visita a Estados Unidos. Percorreu ríos, subiu a volcáns e montañas, pescudou nas selvas. Neses desprazamentos recolleu e identificou plantas, observou constelacións, mediu altitudes e o magnetismo terrestre, cartografou territorios descoñecidos, estudou a composición química de numerosas substancias, investigou a electricidade animal, pescudou nas estruturas xeolóxicas, relacionou os diversos compoñentes da natureza, etc.
O prusiano desembarcou o 16 de xullo en Cumaná, no Caribe venezolano. Desde alí realizou unha expedición de cinco anos por extensos territorios que corresponden aos actuais Colombia, Venezuela, Cuba, Ecuador, Perú e México, e unha visita a Estados Unidos. Percorreu ríos, subiu a volcáns e montañas, pescudou nas selvas… Foi pioneiro nunha disciplina que hoxe chamamos Ecoloxía, púxoa na axenda da humanidade, comezou o estudo científico do Ambiente.
Humboldt coñeceu en América un mundo natural diferente: “Cando o viaxeiro que acaba de chegar de Europa entra por primeira vez nas selvas suramericanas, se atopa fronte un cadro completamente inesperado. A cada paso que dá sente que está non nas fronteiras da zona tórrida, senón dentro dela, nun inmenso continente onde todo é xigantesco: montañas, ríos e masas de vexetación. Non sabe dicir que lle sorprende máis: se o solemne silencio destas soidades, a fermosura dos diversos obxectos e os seus contrastes, ou a plenitude e exuberancia da vida vexetal“.
Esa natureza extraordinaria foi estudada polo científico prusiano nos seus compoñentes e na busca de correlación entre eles. Precisamente o diálogo que estableceu entre medicións e observacións e a busca de leis universais permitiulle ofrecer un modelo innovador do noso planeta. Ao inaugurar ese camiño, o científico foi pioneiro nunha disciplina que hoxe chamamos Ecoloxía, púxoa na axenda da humanidade, comezou o estudo científico do Ambiente.
Ademais, en América Humboldt observou fenómenos descoñecidos e creou novos conceptos relacionados coa xeografía física, por exemplo, describiu a corrente oceánica que leva o seu nome, tamén chamada do Perú. Por outra banda, sería pioneiro en falar (en 1817) de isotermas, as liñas que nun plano presentan a mesma temperatura, de grande interese actual, en relación co seguimento do cambio climático.
A preocupación pola conservación da natureza sería un elemento recorrente nos seus escritos americanos. Un dos temas ao que prestou especial atención foi ao da deforestación, consciente dos riscos que ese fenómeno supuña e do papel dos seres humanos no mesmo. Así, criticou os costumes (“nefastos”) dalgunhas poboacións de incendiar os bosques e comprobou como a aridez se incrementaba nas zonas que sufriran importantes talas. Sobre esta cuestión tamén fixo fincapé no impacto de certos cultivos: “A medida que se cortaban as árbores e se espallaban as plantacións de cana, añil e algodón, os mananciais e todos os afluentes naturais do lago foron diminuíndo de ano en ano”.
Cando en 1804 Humboldt regresou a Europa o fixo acompañado dunha cantidade enorme de obxectos naturais e observacións. Por exemplo, recolleu miles de exemplares de plantas, das que un 10% eran totalmente descoñecidas polos botánicos europeos. Dedicaría as seguintes décadas a estudar, avaliar e publicar os resultados obtidos da exploración americana. En París abordou o laborioso e custoso estudo das coleccións de seres naturais recollidos e a edición dos resultados, que se prolongou ata 1826 e que rematou coa súa fortuna. As diversas publicacións coas que á volta da expedición americana deu a coñecer o resultado das súas pescudas convertérono nunha referencia internacional.
Hoxe atopamos o nome de Alexander von Humboldt en calquera recuncho do mundo, dando nome a prestixiosos premios, rúas e prazas ou a localidades en diversos países. Designando fenómenos naturais, utilizado para nomear ata sete especies animais e once vexetais dedicadas a el. Tamén a elementos xeográficos e xeolóxicos no Ártico, Antártico, América do Norte e Sur, Asia, Oceanía e Europa. Mesmo levan o seu nome un asteroide e dous elementos da Lúa. E é empregado para denominar iniciativas de conservación da natureza, como o primeiro monumento nacional de Venezuela (1949), a “Cueva del Guácharo”.
Coido que ese Alexander von Humboldt universal merece recoñecemento polas contribucións que realizou no seu tempo, mais a súa pegada intelectual chega ata nós, proxectase na actualidade. Porque bastantes das mensaxes que comunicou manteñen a súa vixencia e nos serven de referencia.
Citemos algúns:
– A súa visión global do mundo e da natureza, a necesidade dunha comprensión integral complementaria da análise local.
– A defensa da interacción entre o coñecemento humanístico e científico.
– A preocupación pola defensa do medio ambiente.
– A aposta pola comunicación da Ciencia á sociedade.
– O rexeitamento das desigualdades. Nese sentido, Humbodlt cuestionou a existencia de países, grupos humanos e naturezas superiores. Denunciou o escravismo e o colonialismo. Mesmo se enfrontou con algúns dos científicos máis destacados do seu tempo, como Georges Louis Leclerc, conde de Buffon, quen defendera a inferioridade da natureza americana, a inmaturidade, fraxilidade e dexeneración dos seres vivos de América.
En América Humboldt observou fenómenos descoñecidos e creou novos conceptos relacionados coa xeografía física, por exemplo, describiu a corrente oceánica que leva o seu nome, tamén chamada do Perú. Por outra banda, sería pioneiro en falar (en 1817) de isotermas, as liñas que nun plano presentan a mesma temperatura, de grande interese actual, en relación co seguimento do cambio climático.
O científico prusiano intuíu que a conservación da Natureza, a preservación dos recursos naturais para as xeracións futuras, esixía sociedades máis xustas, liberadas das tensións que xeran as desigualdades, da caste que sexan. Nas que cidadáns libres e con dereitos semellantes asumiran os enormes retos ambientais.
Humboldt viviu nunha época na que se estaba a producir –na súa primeira etapa– un feito histórico de grande impacto para o futuro da humanidade, a Revolución Industrial. Un fenómeno que cambiaría o mundo, facilitando a mellora de condicións de vida de moitos seres humanos mais tamén xerando novos problemas, dunha escala non coñecida, para o Medio Ambiente. Un deles é o que este 5 de xuño centra a conmemoración do Día Mundial, a loita contra a contaminación por plásticos; un tema específico nun contexto dunha grave crise climática e ambiental.
Pasados uns douscentos anos dos estudos e diagnósticos de Humboldt sobre a Natureza, o medre notable das agresións que esta sufre fai que a imprescindible medida correctora que el propuxo, informar e sensibilizar á poboación, non abonde para evitar un futuro catastrófico para a humanidade. En todo caso o seu exemplo e ensinanzas seguen a animarnos e guiarnos. Por iso, non descarto que o seu espírito estivera presente –dalgunha forma– o 15 de decembro de 1972 na sala onde as persoas que en Nova York participaban na Asemblea Xeral das Nacións Unidas escolleron o 5 de xuño como data para celebrar a nivel planetario a concienciación ambiental. Mereceríao.
*La Cátedra Emalcsa no se identifica necesariamente con las visiones expuestas por los autores de los artículos que publica. Nuestra intención es ser un medio para la difusión, el diálogo, el debate y el avance en el conocimiento.